Saturday 18 de May de 2024

A Xunta enviou aos concellos, residencias e entidades sociais da comarca de Ferrolterra 169.322 unidades de protección nas tres últimas semanas


En total, 79.800 luvas, 85.590 mascarillas, 1.104 buzos de protección, 2.229 batas de plástico e 599 mandís de plástico, así como diverso material de produtos de desinfección e limpeza
A Xunta enviou aos concellos, residencias e entidades sociais da comarca de Ferrolterra, incluída a cidade, máis de 169.322 unidades de protección nas tres últimas semanas para loitar na crisis do coronavirus, ademais de 461 botes de 500 ml de xel hidroalcohólico e 477 garrafas de 5 litros de desinfectante.

Cos diferentes envíos en conxunto os municipios e entidades da comarca recibiron 79.800 luvas, 85.590 mascarillas, 1.104 buzos de protección, 2.229 batas de plástico e 599 mandís de plástico, así como diverso material de produtos de desinfección e limpeza.

Estas entregas estanse a realizar a través da plataforma loxística que o Goberno galego puxo en marcha para centralizar a adquisición e a distribución de material de protección durante o estado de alarma e a emerxencia sanitaria polo coronavirus.

Ovidio Rodeiro puxo en valor “a colaboración institucional da Xunta de Galicia cos concellos” para “sumar esforzos” para contribuír na loita contra a expansión do virus. Nesta liña, convidou a tódalas institucións a colaborar co Goberno autonómico porque “a prioridade fundamental é garantir a protección dos cidadáns e todos debemos remar nesa dirección”. Ademais, engadiu que “os envíos da Xunta de Galicia á comarca continuarán nas vindeiras semanas para garantir a protección das persoas que se atopan na primeira liña na loita contra o coronavirus”.

A administración autonómica reitera que todo o material entregado cumpre estritamente co procedemento do Ministerio de Sanidade con respecto ao seu uso, foi inspeccionado e está en perfectas condicións para o seu uso.